IGREXA DE SANTA CRISTINA DE VILARIÑO
 
 

Situada no pobo de Vilariño a 6 Km da capital ourensana, podemos acceder a traves da C-546 ou ben a través da N-120 collendo o desvío que se atopa á altura do pobo de Melias

O máis destacable desta parroquia, é a súa porta onde atopamos unha inscripción que nos di a data da súa construcción, a súa espadaña e a súa cruz renacentista que sae en procesión durante as festas patronais acompañando ás imaxes de Santa Cristina e Santa Mariña, patroas da parroquia.

Hai unha lenda lexendaria sobre este pobo, que aparece publicada no Boletín Auriense XXIV con Bibliografía de Afonso Monxardín Fernádez, que conta...

“Na parroquia de Vilariño, en terras do Pereiro de Aguiar, existe unha rede de pasadizos subterráneos que unen os restos do monte do castro coas ruínas dun castelo asolagado polas augas do Miño en tempos tan remotos que ninguén os lembra...

Estes túneles están habitados por un 'mouro' ou trasno que acocha alí un tesouro inmenso, rico en pedras preciosas e xoias de ouro, que ten tentado a moitos a procura-la entrada ós pasadizos. Sen embargo, a "historia" advirte ás xentes da existencia de dúas trabes que sustentan todo o conxunto de túneles e cuxa disposición constitúe unha trampa para aqueles ousados que vaian na busca do tesouro.

Nos arredores houbo un mozo que xa hai moito tempo tentou chegar ás riquezas que estas covas gardaban e quen contou ós veciños como conseguiu atopa-la entrada ós pasadizos. Despois de camiñar un anaco por eles atopou unha sala sustentada por unha gran trabe de ouro e outra escura, que segundo lle pareceu estaba feita de alcatrán. O enorme valor da trabe de ouro cegou o bo sentido do mozo, que axiña tentou tirala para fóra do seu lugar e levala consigo, sen decatarse de que cando comezou a tirar por ela accionou un resorte preparado polo 'mouro' que fixo que o lume prendese na veciña trabe de alcatrán.

As lumaradas foron tais no interior da cova que o mozo só conseguiu saír dos pasadizos logo de arrastrarse polo chan, seguindo unha corda que levaba á cintura e que deixara atada fóra a un penedo.

Pouco antes de que a trabe de alcatrán que sustentaba o teito dos pasadizos fose consumida polas chamas e a cova comezara a derrubarse, o mozo lograra saír para o exterior. Sen embargo, para el todo semellaba aínda o interior do máis escuro dos túneles, decatándose de que o lume da trabe de alcatrán que ardera tan próxima a el o deixara cego

Aínda que feitos como este disuadiron a moitos de procura-la a fortuna do tesouro, algúns dos máis maiores do lugar aínda confesan que de mozos pasaron días escavando e tentando atopa-la entrada ás covas do mouro.

No mesmo sito do que conta esta lenda foron atopados restos dun castro e dunha importante inscrición que rezaba unha breve lenda : "sicenata pacata" , e que algúns teñen interpretado como conmemorativa da victoria romana do castro do Medulio, suxerindo algúns o seu emprazamento na zona”.