DEPORTES E PAVILLÓN MUNICIPAL

Fútbol

Ao longo da xeografía deste concello, atopámonos con diversos campos de fútbol nos que se pode practicar este deporte na modalidade de afeccionado, pero centraremos este enlace nos clubes inscritos na Federación Galega de Fútbol, que militan en categorías rexionais e provinciais, comentando a súa historia e logros deportivos máis destacables.

CF Loñoá

O C.F. Loñoá fundouse no ano 1977 inscribíndose na Terceira Rexional provincial. Durante sete anos participou en dita categoría, desaparecendo no ano 1985.

En 1988 volveu a inscribirse como clube na Federación Ourensá de Fútbol, sendo presidente D. Juan José Vera Iglesias, participando dende esa data ata a actualidade, seis temporadas en Terceira Rexional, dez en Segunda Rexional e outras dúas na Primeira Rexional, actualmente milita en Segunda Rexional.

Na súa andaina nas categorías rexionais cabe salientar que na temporada 1981-1982 chegou á final da desaparecida Copa de Peñas, final que xogou e gañou, no campo do Pavillón dos Remedios, contra o equipo Peña Barcelonista. Tamén obtivo cinco ascensos a segunda rexional, un deles como primeiro clasificado; un ascenso a Primeira Rexional como campión do seu grupo (2002-03) conseguindo na mesma data acadar as semifinais da Copa Deputación de Ourense.

Como un dos maiores logros deportivos, ata o día de hoxe, figura a consecución do trofeo Copa Deputación “B” no ano 2011, no que venceron na final ao Entrimo cun resultado de 0-1.

A súa uniformación actual é camiseta vermella e pantalón vermello, aínda que a súa primeira equipación era a camiseta do FC Barcelona, xa que foi doada por un socio colaborador de Loñoá emigrado.

Disputa os seus partidos como local no estadio de “A Carabina”, que ten unhas medidas de 100m de longo por 57m de ancho e posúe vestiarios regulamentarios, bar e aparcadoiro propio.

No ano 2003 inaugúranse as gradarías do campo do Medo, froito do investimento do Concello do Pereiro de Aguiar, conseguindo mellorar a instalación e axudar ao confort dos seareiros.

O estadio A Carabina convértese no primeiro campo de herba artificial do noso concello no verán de 2012.

Actualmente conta co apoio de 300 socios.

Dende os últimos anos, dispútase o Memorial Luís Domínguez Gil, trofeo que leva o nome dun dos primeiros e mais destacados directivos deste clube. A data deste memorial coincide coas festas do San Antón, patrón de Loñoá do Camiño.

No seu historial directivo foi dirixido polos seguintes presidentes: Juan José Vera Iglesias, Jesús Manuel Ferreiro Dopazo, José Luís Gómez Álvarez, Joaquín Orbán Pérez, María Esther Gómez Pérez, Fernando Domínguez Aguiar, José Manuel Rodríguez Gómez, Julio Vázquez Vázquez e o actual César Cachaldora Nóvoa.

Na parcela deportiva, figuraron como adestradores: Juan José Vera Iglesias, José Orbán Pérez, Julio Vázquez Vázquez, Carlos Iglesias Rodríguez, Juan Carlos Figueiredo, Tomás Gamallo, Julio Vázquez, Manuel Ángel García González, Jose Manuel Rodríguez Gómez Macabra, Julio Vázquez, Victor Manuel Chayán, Castor e o actual Sindulfo Barallobre Vasco.

DEPORTES

Últimas Noticias de Deportes

Aquí aparecerá o listado das noticias referentes a esta sección: