Cargando&hellip

Situada no lugar de Vilariño a 6 Km da capital ourensá, podemos acceder a través da estrada C-546 ou ben a través da estrada N-120 collendo o desvío que se atopa á altura da aldea de Melias.

O máis destacable desta igrexa, é a súa porta onde atopamos unha inscrición que nos di a data da súa construción, a súa espadana e a súa cruz renacentista que sae en procesión durante as festas patronais acompañando ás imaxes de Santa Cristina e Santa Mariña, patroas da parroquia.

Hai unha lenda sobre este lugar , que aparece publicada no Boletín Auriense XXIV con Bibliografía de Afonso Monxardín  Fernández, que conta…

Na parroquia de Vilariño, en terras do Pereiro de Aguiar, existe unha rede de pasadizos subterráneos que unen os restos do monte do castro coas ruínas dun castelo asolagado polas augas do Miño en tempos tan remotos que ninguén os lembra…

Estes túneles están habitados por un “mouro”  ou trasno que agocha alí un tesouro inmenso, rico en pedras preciosas e xoias de ouro, que ten tentado a moitos a procurar a entrada aos pasadizos. Aínda así, a “historia” advirte ás xentes da existencia de dúas trabes que sustentan todo o conxunto de túneles e cuxa disposición constitúe unha trampa para aqueles ousados que vaian na busca do tesouro.

Nos arredores houbo un mozo que xa hai moito tempo tentou chegar ás riquezas que estas covas gardaban e quen contou aos veciños como conseguiu atopar a entrada aos pasadizos. Despois de camiñar un anaco por eles atopou unha sala sustentada por unha gran trabe de ouro e outra escura, que, segundo lle pareceu, estaba feita de alcatrán. O enorme valor da trabe de ouro cegou o bo sentido do mozo, que axiña tentou tirala para fóra do seu lugar e levala consigo, sen decatarse de que cando comezou a tirar por ela accionou un resorte preparado polo “mouro”  que fixo que o lume prendese na veciña trabe de alcatrán.

As lumaradas foron tales no interior da cova que o mozo só conseguiu saír dos pasadizos logo de arrastrarse polo chan, seguindo unha corda que levaba á cintura e que deixara atada fóra a un penedo.

Pouco antes de que a trabe de alcatrán que sustentaba o teito dos pasadizos fose consumida polas lapas  e a cova comezara a derrubarse, o mozo lograra saír para o exterior. Con todo, para el todo semellaba aínda o interior do máis escuro dos túneles, decatándose de que o lume da trabe de alcatrán que ardera tan próxima a el o deixara cego

Aínda que feitos como este disuadiron a moitos de procurar a fortuna do tesouro, algúns dos maiores do lugar aínda confesan que de mozos pasaron días escavando e tentando atopar a entrada ás covas do mouro.

No mesmo sitio do que conta esta lenda foron atopados restos dun castro e dunha importante inscrición que rezaba unha breve lenda : “sicenata pacata” , e que algúns teñen interpretado como conmemorativa da vitoria romana do castro do Medulio, suxerindo algúns o seu emprazamento na zona.

Dirección

Dirección:

Sta. Cristina de Vilariño, Pereiro de Aguiar, Ourense

GPS:

42.373055116701, -7.817340470639