Cargando&hellip

Monumental igrexa barroca que sorprende polas súas enormes dimensións neste medio rural. A fachada é de tres corpos. Ao corpo central ascéndese por unha escalinata perfectamente harmonizada co conxunto e que desemboca na porta principal. Esta escalinata está decorada con figuras zoomorfas.

A porta principal está enmarcada por unha moldura xeométrica que a circunda. Enriba da porta temos unha fornela, os laterais están decorados con espirais, cunha estatua da Virxe, sobre a que hai unha fiestra rectangular. A parte central remátase cun frontón curvo partido e cun pináculo central que dá empuxe vertical á fachada. Dentro do frontón atópase o reloxo.
Os laterais están sobriamente decorados con motivos xeométricos, só unha fiestra na parte inferior de cada un dos lados  rompe coa harmonía do pano.

No lateral esquerdo da fachada álzase a torre do campanario, con tres corpos que diminúen en tamaño segundo ascendemos. Nos dous primeiros, cadrados e con vanos en arcada de medio punto en cada un deses lados, temos as campás, e o terceiro remata nunha pequena cúpula.

No interior a nave ten bóveda de canón e a ábsida de cruzaría, podendo contemplar tres naves sendo a central a máis elevada. Na capela do Carme atopamos un retablo barroco do século XVIII de gran calidade artística coas imaxes da Nosa Señora do Carme, San Alberto, San Francisco de Sena e as figuras orantes de San Juan de la Cruz e Santa Teresa de Jesús.

Dirección

Dirección:

Sta. María de Melias, Pereiro de Aguiar, Ourense

GPS:

42.393572812483, -7.7921157189104