Cargando&hellip

Esta capela é de estilo barroco e foi construída no século XVII. É unha edificación rectangular, dividida en tres tramos por dous arcos. A sancristía sitúase á cabeceira e comunícase coa nave a través de dúas portas abertas aos costados do altar maior. O primeiro tramo é o maior, respondendo á súa condición de capela maior. A importancia deste tramo faise notar ao exterior pola súa altura e o engrosamento da súa planta.

A cuberta é a dúas augas na nave, tres na sancristía e a catro na capela maior. O exterior é moi severo, pois a lisura dos muros feitos de pedra de cadeirado regular só é interrompida polas fiestras cadradas que dan paso á luz.

A fachada esvelta e arrogante remata nunha espadana composta por dous corpos rectangulares, o primeiro con dous arcos de medio punto e o segundo cun só arco, estando separados por unhas molduras de diferentes tamaños e coroados por tres pináculos.

Por enriba da porta con lintel, gornecida cunha sinxela moldura crebada nos ángulos, asoma un balcón que resgarda un altar flanqueado por unha fiestra no lado da epístola e no do evanxeo por unha porta que comunica coa tribuna.

Este conxunto está encadrado por dúas grandes pilastras lisas e resaltadas da fachada con bases e capiteis con molduras, enriba deles un encablamento e rematando as pilastras agudas e piramidais.

O interior, está completamente revestido de pedra, limitándose o decorado ás pilastras que serven de apoio aos arcos e ás dúas pías de auga que están encaixados na parede á beira das portas.

O retablo feito por Benito Rodríguez Múgica no ano 1696 debeuse perder, pois a colocación das imaxes non ten a precisión dunha obra desta clase.

Sobre as pedras da igrexa soben tres tramos que serven de base ao altar, feito no mesmo material. Por enriba, e resaltando da parede, vai o camerino no que se aloxa a imaxe da Virxe dos Gozos, obra de gusto barroco.

Ao redor desta igrexa celébrase a romaría dos Gozos, festa popular deste Concello.

 

Dirección

Dirección:

Sta. Marta de Moreiras, Pereiro de Aguiar, Ourense

GPS:

42.319413777622, -7.7932766077749