Coñécese así este muíño, situado ao comezo da veiga de Boeiros, polo sobrenome do seu propietario, Xosé González Tesouro, “O Cambeiro”. O seu acceso sitúase dende a estrada local que atravesa o termo municipal entre Santa Marta e Loñoá do Camiño (ou das Olas), tomando o primeiro camiño á esquerda tras pasar o cruzamento que se dirixe ao lugar de Outeiro de Moreiras. Para chegar ata el débese atravesar o piñeiral sito ao fondo por un camiño que vai novamente cara á esquerda, e que chega ata o reborde dunhas  rochas,-“a Penela”, outro dos nomes polo que é coñecido-.

Un descenso en suave pendente polo camiño  lévanos cara ao muíño , dende o que se inicia unha notable extensión de lameiros, o que lle dá o nome principal e máis antigo: “do Ribeiro”, denominación pola que é especificamente citado na cartografía.

É unha construción de notables dimensións, que divide o leito do río cunha poderosa obstrución de grandes pedras, informes sempre, e ciclópeas nalgúns casos, dispostas de forma piramidal e planta curva cara ao río. O muíño, que é de planta rectangular lixeiramente trapezoidal, ten dúas partes diferenciadas tanto na estrutura como na cuberta: o corpo de entrada ao sur, máis ancho, co espazo destinado aos sacos e sacas, necesario para o muiñeiro, área así mesmo de habitación –con dous armarios-alacenas na parede sur;  e dende o cubo iníciase o outro , no que están as moas.

O edificio está en bo estado xeral, tanto no que atinxe a aos muros coma ao tellado. Este é a dúas augas (leste/oeste) sobre o obradoiro da “moenda”, e a unha no corpo de entrada, con caída cara ao sur. Cóbrese con tellas curvas sobre vigas e trabes de castiñeiro. Maior variedade ofrece o entorno, que é outro dos encantos deste muíño “do Cambeiro”: un camiño de acceso cun piñeiral ata o borde rochoso no que se encaixa o río, e que descende ao muíño con bidueiros, á dereita, e carballos á esquerda. Nas marxes da presa hai numerosos bidueiros.

Dirección

Dirección:

42.334862406337, -7.7700154783088

GPS:

42.333833435055, -7.7709358335414