Situado na aldea de Bouzas de Fondo pertencente á parroquia de Sta María de Melias, podemos acceder a este pazo a través da estrada N-120 (Ourense-Ponferrada). Ver mapa.
O Pazo de Bouzas, máis coñecido como a Casa de Bouzas, foi construído no ano 1758, sendo unha construción barroca. Érguese no medio dunha finca rodeado dun muro, no que actualmente só hai lameiros pero que antigamente foi un lugar de cultivo de vide.

O edificio principal presenta planta en “U” a causa dunhas cruxías máis estreitas que outras que foron engadidas na época moderna. No medio sitúase o patio de forma rectangular.
No lado leste  péchase o patio cun muro que fai de fachada cun solemne portalón de entrada. No lado norte e oeste están as dúas antigas cruxías. No lado sur seguramente debeu ter unha dependencia de servizos ou un muro.

O edificio é de cadeirado na fachada exterior e nalgunhas zonas da fachada que dan ao patio, mentres que é de grandes irregulares manpostos nas outras fachadas e partes inferiores. A cuberta é a dúas augas en todo o edificio.

O patio está percorrido por unha solaina que presenta a peculiaridade de ter cada á a distinto nivel.  A correspondente á cruxía norte (á que se accede por una estreita escaleira de pedra con patín cercado ata a altura dun metro) ten a repisa de pedra sostida por fermosos asentos. Tamén o patín conserva dúas columnas de pedra pseudodóricas que apoian as súas bases no baixo muro que lle serve de balaústre e sostén ao tellado.

O resto deste balcón, tamén debeu ter columnas pseudodóricas de pedra para soster o tellado. A segunda solaina correspondente á cruxía oeste, está ao nivel máis baixo. Ten acceso dende o patio por unha escaleira bastante ancha con varanda maciza de cadeirado que, despois de acceder á solaina, continúa facendo un ángulo de 90º ata a solaina superior, establecendo así comunicación entre elas.

Sen dúbida, o maior empaque púxose na fachada leste, é dicir, no muro e no portalón que dá acceso á casa. O muro está fabricado en perpiaños ben encadrados, e remata na súa parte superior nunha cornixa de moldura dobre ornamentada con pináculos piramidais rematados en bóla e unha peaña, hoxe baleira, que debeu de ter nos seus tempos cruz ou santo.
O portalón con lintel, e sobre el os perpiaños do muro,  foron colocados formando unha especie de tímpano, a parte central está ocupada polo escudo. Outro escudo exactamente igual a este atópase á altura das fiestras do piso superior na fachada oeste.

O edificio complétase cunha fermosa cheminea de corte transversal trapezoidal que corresponde á cociña, e remata en cornixa, friso liso e cinco remates de pirámide en bóla, o do centro máis grande con catavento de ferro.

A pouca distancia da casa atópase a capela, de planta rectangular e teito de dobre vertente de corte neoclásico. Ante a igrexa atópase a día de hoxe  unha columna con capitel dórico.
Na finca, a maior distancia, atópanse o pombal circular e o hórreo.

A adega situada no nivel máis alto data de 1836, construída con muros de perpiaños de bo tamaño e en rocha viva. O teito é de medio canón de nove metros de luz e catro de altura. Exteriormente, a fachada da adega é de cadeirado con zona de piares de perfís angulares que permiten a ventilación. Na porta con lintel hai un gravado que nos di a data de construción.

Dirección

Dirección:

Bouzas, Pereiro de Aguiar, Ourense

GPS:

42.390855214681, -7.7828346960272