Cargando&hellip

Situado no lugar de Castadón pertencente á parroquia de San Salvador de Prexigueiró, podemos acceder a este pazo a través da estrada C-536 (Ourense- A Rúa). Ver mapa.

É de planta rectangular construído sobre perpiaños coidadosamente labrados, cun patio anterior non inscrito. Presenta dúas alturas cun corpo central máis alto. Na fachada principal presenta a “solaina”.

A fachada de maior interese é a principal, orientada ao mediodía. Na planta baixa, ábrese o portalón da entrada con lintel, con dúas fiestras estreitas horizontais a ambos lados, como defensa da casa.

O andar principal ten nos extremos grandes balcóns voados con repisas de pedra apoiadas sobre repousadeiros de tres curvas. No centro, atopamos un balcón de menos voo que vai unido ao lintel da entrada. Entre os balcóns hai dúas fiestras regulares. A fachada remata cunha cornixa de caveto e gola situada debaixo do aleiro. No centro érguese  outro corpo onde a fronte se pecha cunha galería. Como elementos plásticos atopamos dúas repisas circulares a ambos lados do balcón central e dúas pedras de armas de diferente factura.

A planta baixa do edificio está ocupada polas dependencias do servizo e a principal pola vivenda.

Dende o portalón da entrada accédese a un amplo vestíbulo empedrado do que arrinca un dos seus lados, unha escaleira de pedra con varanda maciza e pasamáns rematados en espiral.
Logo dos primeiros tramos  péchase cunha porta con lintel. A escaleira continúa ata a planta principal acabando nun vestíbulo ou corredor, ao redor do cal están organizadas as dependencias da vivenda.

Ao redor do pazo  atopamos un hórreo de singular beleza.

Dirección

Dirección:

San Salvador, Pereiro de Aguiar, Ourense

GPS:

42.348208537688, -7.8080645858442