MUIÑO DO FABA
 
 
Chámase así este espléndido muiño polo alcume do Sr. Luis “o Faba” (que está pintado nunha das portas). Pero tamén é coñecido como “o muíño de Barreiro”. Atópase na parroquia de San Cibrao de Covas, ó O. dos núcleos de poboación. Ten dous posibles accesos. Un deles dende o campo de fútbol no que xoga o equipo de Loñoá do Camiño (ou das Olas), para o que é preciso tomar o camiño recentemente asfaltado que se atopa á esquerda do “Ponte da Carabina” sobre o Loña, en dirección ó pobo de Cebreiros, no extremo O. da parroquia. O outro é hacia o E., en dirección á estrada que ven de A Derrasa e Santa Marta. O edificio do muiño está en bo estado en xeral, tanto no que atinxe ós muros como ó tellado.
Utilizado outrora con gran intensidade polos veciños dos pobos de Cebreiros e os de Castro de Covas e Loñoá (Loñoá Grande e Loñoá do Camiño), todos eles pertencentes á parroquia de San Cibrao de Covas.É o seu dono, quen o mantén en bo estado tanto exterior como interiormente, coidando que o mecanismo de rotación e os elementos complementarios de madeira, sobre as moas, funcionen.
A canle e a sú presa, ademáis da ponte, son merecedores, asimesmo, duns coidados semellantes. Dende as inmediaciones deste muiño pódese contemplar ó solpor, unha paisaxe de serena beleza dende o monte de piñeiros cercano: o lixeiro desnivel do lameiro ata o canal, o muiño rodeado de arbores plantadas polo dono, a vexetación autóctona da ribeira.