RUTA DOS MUÍÑOS

Datos de interese: 

Ruta circular
Distancia: 16,300 km
Duración estimada: 3h 30min
Dificultade: baixa
Mapas -Guía: IGN- 1:25.000 – nº:188-III  e 226-I

MUÍÑOS, VOCES DO RÍO

O Concello do Pereiro de Aguiar, un concello rural distribuído en 13 parroquias, ofrece ao visitante un entorno natural digno de ser coñecido.

Colle pulo nas beiras do río Loña cunha ampla foresta autóctona de rebolos, bidueiros e salgueiros, e cun patrimonio popular herdado da Idade Media, como son os muíños de auga que se conservan, ou dos que quedan soamente as súas ruínas. Son preto de 13 construcións, case todas de dous rodicios, como o do Zapateiro, o do Faba, o do Cambeiro, que ata pasada a metade do séc. XX foron a voz do río Loña con intercambio de sons, entre os da forza da auga movendo os rodicios, os do abaneo da tremoia ou o das moas cando triscaban o millo ou o centeo para volvelos fariña.

A coñecida como “Ruta dos Muíños”  percorre o leito do río Loña. Para facela temos que achegarnos ata o lugar de Loñoá, (lugar oleiro do concello) e xusto na ponte que hai sobre a estrada OU-0510 dará comezo o noso paseo.  Atoparemos ao longo do camiño, lugares como Santa Marta de Moreiras e a Derrasa,  para logo continuar o percorrido pola ruta perimetral do encoro de Cachamuíña e de novo encamiñar os nosos pasos cara os montes da Chaira (449m), o punto máis alto do sendeiro, que nos levará de novo ao encontro do río, punto onde finaliza o noso paseo.

“A voz que andou o río, hoxe esmoreceu, ata finar cando os muíños deixaron de botar a andar; unha voz que tamén se levou con ela un oficio, o de muiñeiro e con el apagáronse moitas outras voces polos camiños entre as aldeas; voces de vida e traballo” .

Fonte:  Xornal O Sil
Autor: Clemente Pérez Arias