DEPORTES E PAVILLÓN MUNICIPAL

TECOR

TECOR – OR.10.020

O TECOR do Pereiro de Aguiar foi creado a comezos dos anos 70, sendo un dos pioneiros da provincia de Ourense. Os seus estatutos foron modificados e ratificados en Asemblea xeral o 7 de marzo de 1999, inscribíndose no Rexistro de Asociacións Deportivas de Galicia co número 6142 en conformidade co Decreto 216/1997,do 30 de xuño, da Lei 11/1997, do 22 de Agosto.

XEOGRAFÍA

O 29 de novembro de 1999, fusionouse co antigo Coto de Caza de Santa Mariña, acadando unha superficie total de 6748 Ha. Atópase perfectamente comunicado coa capital da provincia a través das estradas N-120 e C-536 cos seguintes lindes: Ao norte con Nogueira de Ramuín, A Peroxa e Coles, ao sur con San Cibrao das Viñas e Paderne de Allariz, ao leste con Esgos e ao oeste con Ourense capital. Atopamos definidas as características altimétricas dos montes baixo os seguintes valores sobre o nivel do mar:

Cota superior 647 m.
Cota inferior 109 m.
Cota media 378 m.

O solo posúe distinto grao de desenvolvemento, sendo os grupos fundamentais aos que pertencen os seguintes: Veiga parda alóctona, terra parda podsolizada.

En canto ao clima existente, podemos encadralo nunha rexión fitoclimática mediterránea subhúmida de tendencia centroeuropea, sendo o réxime pluviométrico de carácter mediterráneo non continental, existindo unha vexetación na zona de bosques de carballos, bosque de coníferas, bosque de ribeira, monte baixo, así como lameiros e pasteiros.

ORGANIGRAMA

O TECOR está xestionado pola Sociedade Deportiva de Cazadores do Pereiro de Aguiar constituído en Asemblea Xeral, existindo un presidente,vicepresidente, tesoureiro e secretario, así como un vogal por cada unha das parroquias existentes no Concello.

O seu domicilio social atópase na Praza do Antigo Concello S/N , O Pereiro de Aguiar, CP 32710.

ESPECIES CINEXÉTICAS CON APROVEITAMENTO

Coello de monte (Oryctolagus cuniculus)
Perdiz vermella (Alectoris rufa)
Raposo común (Vulpes vulpes)
Lebre (Lepus capensis)
Pombo Torcaz (Columba palumbus)
Pato Real (Anas plathyrynchos)
Corzo (Capreolus capreolus)
Xabaril (Sus scrofa)
Becada (Scolopax rusticola)

INFRAESTRUTURAS, FUNCIONAMENTO E MELLORAS

O TECOR posúe un local social cedido desinteresadamente polo Concello, ao igual que o tractor que realiza labores de roce e semente, co obxecto de mellorar o ecosistema e favorecer o desenvolvemento e abundancia das especies cinexéticas. Existe tamén servizo de gardería financiado directamente polo TECOR, co obxecto de evitar a caza furtiva, ataques a especies de flora e fauna protexida, incendios, vixilancia nocturna, control de predadores, censos periódicos, vertedoiros, etc.

OUTROS APROVEITAMENTOS E ACTUACIÓNS EXISTENTES

Zona de caza permanente: Situada en San Salvador, cunha superficie de 56,42 Ha. na que se permite a caza mediante soltas de perdiz vermella, paspallás, faisán e coello de monte.

Zona de adestramento de cans: Situada entre a estrada comarcal 536 e o Complexo Polideportivo de Monterrei, podéndose adestrar cans tódolos días do ano (excepto luns e venres) coa excepción dos meses de maio e xuño, co obxecto de fomentar a reprodución das especies existentes na zona.

Zona vedada: Cunha superficie superior ao 10% do TECOR, atopándose situada na  actualidade entre os seguintes lugares: Parada, Cebreiros e o linde co TECOR de Nogueira de Ramuín

DEPORTES

Últimas Noticias de Deportes

Aquí aparecerá o listado das noticias referentes a esta sección: